¡Hola! Utilizamos cookies propias y de terceros para analizar el uso de esta web y mejorar tu experiencia de navegación. Al continuar navegando entendemos que aceptas nuestra política de cookies.    Saber máis - Aceptar.


Comunicamos a loita contra as violencias machistas

Por algún motivo no se a completado la carga del separador, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar

 

Nesta semana marcada pola conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller queremos poñer en valor o traballo dos Centros de Información á Muller, un labor que coñecemos de preto grazas a traballar cóbado con cóbado coa Asociación de Profesionais de Centros de Información á Muller de Galicia (ASOCIM).

Esta asociación créase a finais do ano 2015 coa finalidade de defender e representar os intereses das súas asociadas e asociados e promover o recoñecemento social das/os profesionais dos CIM e a consolidación dos seus postos de traballo dentro da Administración Local. Deste xeito, ASOCIM busca garantir a calidade do servizo e a súa vinculación co ámbito local.

Os Centros de Información á Muller constitúen o punto máis próximo de atención especializada en materia de igualdade de xénero. Desde os principios de anonimato e confidencialidade prestan asesoría xurídica e psicolóxica ás mulleres e desenvolven diversas accións (charlas, formacións, estudos) co obxectivo de concienciar e previr sobre as violencias machistas, así como para conquistar o apoderamento feminino. Galicia conta cun total de 82 CIM repartidos por toda a xeografía.

O feminismo é un dos piares desde os cales desenvolvemos o noso traballo en Abeluria. Observamos o mundo con gafas violeta e queremos comunicalo desde aí. Por iso, para nós, ASOCIM non é só un cliente ao que xestionamos o gabinete de comunicación e dinamizamos as súas redes sociais. Somos conscientes de que o que non se conta non existe así que poñemos todo o noso coñecemento e creatividade para lograr unha comunicación efectiva, diferenciada e con perspectiva de xénero que visibilice a ASOCIM situando na axenda mediática o seu traballo, o papel fundamental que xogan os CIM na atención ás vítimas de violencia de xénero e as súas reivindicacións.  

Durante o 2019, ASOCIM conseguiu unha corentena de impactos en medios de comunicación de múltiple carácter e aumentou a súa influencia en Facebook, incrementándose substancialmente o tráfico e as interaccións co perfil, ata rozar os 1.200 seguidores. No verán deste 2020 estreouse en Instagram, onde supera xa os 200 seguidores. Un labor que desde Abeluria executamos desde a sensibilidade e o rigor profesional, denunciando as violencias machistas como unha problemática social, froito da sociedade patriarcal, e garantindo o dereito á intimidade e a dignidade das vítimas e as súas familias. Os estereotipos, os prexuízos, o sensacionalismo e o morbo non teñen cabida.

O traballo realizado desde a área de comunicación permitiulle a ASOCIM gañar presenza na sociedade, ser recoñecida desde diversos ámbitos (político, social, cultural) e que a súa voz sexa tida en conta.