Os 111 centros especiais de emprego galegos obteñen unha inxección de 19,5 millóns de euros, un investimento que supón un apoio para os 3.210 traballadores con discapacidade que empregan e que axudará a promover a integración laboral deste colectivo.
O Diario Oficial de Galicia publicou o pasado luns 14 de decembro a orde pola que aumenta as axudas da Xunta de Galicia destinadas aos centros especiais de emprego da comunidade en 19,5 millóns de euros. Un investimento que contribúe a apoiar aos 111 centros destas características que operan en Galicia e que dan emprego a máis de tres mil persoas con discapacidade ademais de promover a integración laboral deste colectivo. Estas axudas, divididas en tres programas, destinaranse ao apoio da actividade profesional; á creación de postos estables, á adaptación de postos e a asistencia técnica, así como ao mantemento do custo salarial dos traballadores.
O obxectivo principal destas axudas, que creceron preto dun 70% desde 2016, é promover a integración laboral das persoas con discapacidade. Nos últimos dez anos, o número de persoas con discapacidade atendidas nos centros especiais de emprego galegos pasou de 1.296 en 2009 a 3.182 o ano pasado. O orzamento da Consellería de Emprego e Igualdade prevé a promoción do emprego inclusivo das persoas con discapacidade e en risco de exclusión social con 23,7 millóns, e a activación dunha nova liña de axudas para que os centros especiais de emprego e empresas de inserción poidan garantir a súa viabilidade, que contará cun orzamento de 1,7 millóns.
Son boas noticias para os centros especiais de emprego da nosa comunidade e CEGASAL, a asociación empresarial galega de centros especiais de emprego sen ánimo de lucro, debe sentirse satisfeita por este apoio. Fundada fai 23 anos, CEGASAL difunde e expón o traballo das empresas de iniciativa social na incorporación ao mercado laboral das persoas con discapacidade. Actualmente está conformada por 32 centros que abarcan numerosos sectores desde mantemento a xoiería pasando por alimentación, xardinería, lavandería ou artes gráficas, entre outros.
Os CEE (Centros Especiais de Emprego) representan, segundo datos da Estratexia de Economía Social de Galicia (2018), a preto dun 3,5% das entidades existentes da familia da economía social galega, así como a un 18,57% dos empregos e ao 0,03% da facturación. Actualmente existen 111 empresas destas características en Galicia, entre CEE ordinarios e SAL (Sen Ánimo de Lucro).
Con todo, pese ao seu número, á súa ampla implantación territorial e ao seu importante labor social, son dos membros máis descoñecidos da familia da economía social. Así que imos explicar un pouco que son e como se organizan.
O básico sobre os CEE
Os CEE teñen a súa orixe no ordenamento xurídico español coa aprobación da lei 13/1982, de integración social dos minusválidos. No posterior desenvolvemento normativo o goberno estatal aproba o RD 2273/1985 que establece a Lexislación dos CEE. Esta norma establece dúas clasificacións, a primeira atendendo á súa titularidade e así poden identificarse CEE de carácter público ou privado; ou atendendo á aplicación dos seus posibles beneficios, establecendo entre ordinarios e os de iniciativa social ou SAL.
Os CEE defínense como “empresas nas que o obxectivo principal é o de realizar unha actividade produtiva de bens ou de servizos, participando regularmente nas operacións de mercado, e teñen como finalidade asegurar un emprego remunerado para as persoas con discapacidade; á vez que son un medio de inclusión do maior número destas persoas no réxime de emprego común”.
No ano 2011 apróbase a Lei 5/2011 do 29 de marzo, de Economía Social que no seu artigo 5 identifica as diferentes entidades que entran no contexto de aplicación: “Forman parte da economía social as cooperativas, as mutualidades, as fundacións e as asociacións que leven a cabo actividade económica, as sociedades laborais, as empresas de inserción, os centros especiais de emprego, as confrarías de pescadores, as sociedades agrarias de transformación e as entidades singulares creadas por normas específicas que se rexan polos principios establecidos no artigo anterior”. Deste xeito o ordenamento xurídico español, e máis tarde o galego na Lei 6/2016, do 4 de maio, da Economía Social (ES) de Galicia, incorporan aos CEE dentro do paraugas que engloba á ES.
A principal característica dos CEE é que a maioría das persoas que traballan neles son persoas con discapacidade, é máis, como mínimo, un 70% do persoal traballador debe cumprir esta condición.
Existen os CEE e os que carecen de animo de lucro (SAL), que se identifican por cumprir determinados requisitos en base á titularidade dos mesmos, á irrepartibilidade dos excedentes xerados pola actividade realizada, á forma xurídica que adoptan ou á reinversión dos excedentes con fin social. Os SAL son de iniciativa social posto que o seu titular é unha entidade sen ánimo de lucro vinculada ao ámbito da discapacidade. Galicia conta co Decreto 200/2005 do 7 de xullo polo que se regula a autorización administrativa e inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia no que se establecen as condicións para que un CEE adquira a condición de SAL. Segundo os artigos 10 e 11, para obter esta cualificación deben cumprir tres requisitos:
-
Deben ser promovidos e participados en máis dun 50%, directa ou indirectamente, por entidades sen ánimo de lucro públicas ou persoais (fundacións, asociacións...) ou que recoñezan xuridicamente nos seus Estatutos o seu carácter social.
-
O patrimonio do titular do centro ten carácter de irrepartible, excepto a favor de entidades do mesmo tipo.
-
O reinvestimento dos posibles beneficios ou excedentes faise no propio CEE ou noutros que carezan de ánimo de lucro.
Os CEE están recoñecidos como unha fonte de creación de emprego para aquelas persoas con maiores dificultades para acceder ao mercado laboral: as persoas con discapacidade, un sector poblacional heteroxéneo que comparte, en maior ou menor medida, o precisar unha protección ou apoio no exercicio dos dereitos humanos e liberdades básicas. Así mesmo tamén prestan, a través das unidades de apoio, servizos de axuste persoal para as persoas traballadoras con discapacidade co fin de axudarlles a superar as barreiras, obstáculos ou dificultades que teñan no proceso de incorporación a un posto de traballo, así como na permanencia e progresión en devandito posto.
En definitiva, os CEE, polo tanto, son unha realidade que favorece a xeración de emprego para as persoas con discapacidade, á vez que contribúen a xerar unha sociedade mellor, onde as persoas sitúanse no centro das decisións.
Estado dos CEE en Galicia
En Abeluria levamos a cabo un estudo sobre o estado dos Centros Especiais de Emprego en Galicia para coñecer a súa realidade en 2020. O resultado publicarase ao longo deste ano e enmárcase dentro da liña de estudos especializados en economía social realizados por esta cooperativa.