¡Hola! Utilizamos cookies propias y de terceros para analizar el uso de esta web y mejorar tu experiencia de navegación. Al continuar navegando entendemos que aceptas nuestra política de cookies.    Saber máis - Aceptar.
Peche II Edición Olympe Emprende
Peche II Edición Olympe Emprende


Emprendedoras galegas asisten en Compostela á entrega dos premios da II

Edición do Olympe Emprende

 

Por algún motivo no se a completado la carga del separador, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar
  • Os proxectos emprendedores premiados foron Atoupa, consultoría social; e Cuarzo Verde, turismo ecosostenible

  • O programa, que forma parte da convocatoria CEPES POISES, cofinanciada polo Fondo Social Europeo, abrirá en setembro as inscricións para a súa terceira edición

O CERSIA Empresa, en Santiago de Compostela, acolleu esta mañá a última sesión da II Edición do Olympe Emprende. A mañá repartiuse entre a sesión de valoración do programa polas participantes e as cooperativas promotoras; e o acto de peche coa entrega dos diplomas e premios desta segunda edición.

A través desta rede mentora e de acompañamento, as quince emprendedoras traballaron todos os aspectos dos seus negocios e coñeceron recursos e ferramentas que facilitan o financiamento de proxectos ou a xestión de equipos, dando lugar a varias iniciativas, dúas en proceso de constitución baixo a fórmula cooperativa, de gran impacto social.

Durante esta edición, as participantes recibiron 72 horas de formación relacionadas co modelo de negocio, ferramentas para fortalecer os proxectos e mellorar as competencias emprendedoras. Así mesmo, tiveron 12 horas de acompañamento individual en liña, a oportunidade de realizar networking e crear sinerxias con outras mulleres emprendedoras coas que colaborar.

Na sesión de valoración entre as participantes e as cooperativas promotoras púxose de relevo o labor deste programa a favor da creación de proxectos liderados por mulleres que se rexen polos principios e valores do cooperativismo e, por extensión, a economía social. As participantes narraron as súas experiencias no ámbito do emprendemento, incidiron no necesario que son programas como o Olympe Emprende de acompañamento e coñecemento de recursos e ferramentas, destacando que resulta enriquecedor o poder coñecer de primeira man a outras mulleres emprendedoras.

Neste espazo de encontro tamén participaron a directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao; a responsable de Desenvolvemento Económico, Oficiña de Promoción Económica do Concello de Santiago de Compostela; Carme Casado, e a responsable do Programa Woman Emprende da Universidade de Santiago de Compostela, Eva López Barrio; así como o representante en Galicia de Coop 57, Antón Insua López.

Momento da sesión de peche da II Edición

 

A representante do Concello de Santiago, Carmen Casado, trasladoulles que “Santiago é cidade de acollida de proxectos” e que aposten por crear proxectos en territorios onde poidan facer vida e negocio “proxectos vinculados á contorna e á poboación”.

Desde o ámbito universitario, a responsable do programa Woman Emprende, Eva López, incidiu en que levan anos traballando o emprendemento desde a universidade e que “proxectos con liderado feminista, que beben do modelo da economía social, deben ser coñecidos”. López destacou que as emprendedoras “tedes que ser exemplo para as novas xeracións” e que “os valores do feminismo axudarán a cambiar o paradigma actual”.

A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, quixo trasladar a súa felicitación ás emprendedoras porque “o emprendemento é unha forma interesante de xerar emprego” incidindo en que “desde a administración queremos levar ao territorio programas como este, para fomentar o emprendemento como unha forma de xerar emprego ligada ao territorio”. Tamén lles lembrou ás participantes do Olympe Emprende que “hai ferramentas á vosa disposición desde diferentes administracións e institucións”, animándoas a “trasladar ás administracións as vosas necesidades para que vos podamos axudar pero tamén para que podamos mellorar para acompañarvos”.

“Se podedes, apoiade proxectos de economía social en colectivo, porque son máis resistentes, máis enriquecedores e máis plurais”, animou Antón Insua. O representante en Galicia de Coop 57 compartiu coas emprendedoras a necesidade de xerar proxectos que sirvan non só para as promotoras senón tamén para o territorio e a xente. “Sede auténticas, facede o que vos guste e para o que vos sintades preparadas. Apostade por intercooperar, a suma sempre é positiva”.

Na súa interlocución coas representantes da administración, as emprendedoras solicitaron apoios e a simplificación burocrática, así como unha mellor xestión da información sobre emprendemento e economía social. 

Entrega de premios

O xurado desta segunda edición, conformado por Veronica Méndez , xestora de proxectos na federación de cooperativas de traballo de Cataluña; David Pérez Merchán, representante da cooperativa Baraca; Ana Galán, cofundadora e directora creativa da cooperativa The Geco Company; Carme Casado, responsable de Desenvolvemento Económico, Oficiña de Promoción Económica do Concello de Santiago de Compostela; e Eva López Barrio, responsable do Programa Woman Emprende da Universidade de Santiago de Compostela (USC); destacou a calidade dos proxectos presentados e o alto nivel das propostas.

O primeiro premio, cunha dotación de 1.200 €, recaeu na consultoría social, Atoupa, formada por emprendedoras de Láncara e Vilalba; e o segundo premio, cunha dotación de 1.000 €, foi para o proxecto de turismo ecosostenible, Cuarzo Verde, de Vigo. Dúas iniciativas cooperativas que están a dar os seus primeiros pasos.

A entrega de diplomas correu a cargo da directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao; a responsable de Desenvolvemento Económico, Oficiña de Promoción Económica do Concello de Santiago de Compostela; Carme Casado, e a responsable do Programa Woman Emprende da Universidade de Santiago de Compostela, Eva López Barrio. Estas tres representantes institucionais incidiron na importancia da economía social para Galicia e as razóns polas que debe ser unha aposta de futuro porque é solidaria antepoñendo os beneficios sociais e colectivos á rendibilidade financeira; porque se compromete coa súa contorna; porque axuda a fixar poboación no medio rural, creando actividade económica e ofrecendo servizos; tamén xera emprego estable, de calidade e resistente á crise; e serve para loitar contra as desigualdades favorecendo a redistribución de recursos. 

Entrega de diplomas

III Edición do Olympe Emprende

O Olympe Emprende ofrece formación, apoio individual e colectivo, seminarios web e circuítos de emprendemento para coñecer a modelos referentes liderados por mulleres, sesións de intercooperación e a posibilidade de optar a un premio económico ás mellores iniciativas. A súa terceira edición desenvolverase desde entre finais de 2022 e principios de 2023.

O Olympe Emprende volverá abrirse a iniciativas que se atopan nunha fase inicial, ideas de negocio que non se iniciaron e que se atopan nunha fase de desenvolvemento mínimo, sen necesidade de definir un modelo de negocio. As inscricións abriranse en setembro.

O Olympe Emprende forma parte da convocatoria POISES, promovida pola Confederación Empresarial Española de Economía Social (CEPES) como órgano intermedio do Programa Operativo de Emprego, Formación e Educación (POEFE) do Fondo Social Europeo (FSE). Todas as accións son gratuítas e están cofinanciadas polo FSE para alcanzar unha formación e emprego de calidade.