Este xoves participamos na mostra virtual Préndete da economía social que organizou a Universidade de Santiago de Compostela co obxectivo de achegar este modelo empresarial á comunidade universitaria.
A nosa participación enmarcouse na sección sobre tendencias sectoriais e de xestión e oportunidades de negocio emerxentes onde presentamos os resultados da axenda sectorial sobre as oportunidades no sector da acción social para a Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal. Esta axenda sectorial realizámola o ano pasado e foi un pracer poder presentala formalmente nesta mostra.
A nosa compañeira Ana Olveira debullou os resultados dun informe que ten como fin facilitar a creación de entidades de economía social ou que as xa existentes poidan levar a cabo novas liñas de negocio.
O informe céntrase no sector da acción social que é aquel que comprende as actividades dirixidas a atender as necesidades específicas de sectores da poboación como a infancia ou xuventude, persoas anciás, familias con carencias, persoas con discapacidade, vítimas de violencia de xénero ou drogodependentes, entre outras.
Para determinar cales serían as oportunidades de negocio seleccionadas, escollemos unha combinación de metodoloxías cuantitativas e cualitativas tentando acadar un resultado o máis satisfactorio e contrastado posible. Así, achamos que os servizos pensados para as persoas que se centran na saúde, a vivenda ou a mellora da calidade de vida teñen un ámbito de desenvolvemento importante para o presente e o futuro; e detectamos cinco oportunidades de negocio encadradas en catro subsectores tal e como se pode observar na imaxe.
O traballo inclúe unha breve contextualización de cada subsector e unha análise detallada a modo de “ficha de actividade” de cada oportunidade co fin de xerar unha ferramenta atractiva e práctica para a posta en marcha das diferentes oportunidades de negocio.
En todas as oportunidades de negocio tívose en conta que o investimento non fose moi elevado; que o sector fose emerxente ou contase cun subsector que tivese un bo comportamento para poder aproveitar a inercia que isto provoca e que, de ser posible, se situasen en liña co plan estratéxico de Galicia e Portugal así como coa Estratexia de Investigación e Innovación propia para a Especialización Intelixente da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal (RIS3T). Tamén se tivo en conta que para a posta en marcha de calquera modelo de negocio é preciso contar con financiamento polo que esta guía recolle un apartado cos financiamentos propios da economía social, ou pensados para ela, que se poden atopar tanto en Galicia como no Norte de Portugal.
Xa para finalizar, dicir que procuramos que as oportunidades detectadas se apoiasen nas características propias dos territorios e das persoas que os conforman para que cada oportunidade de negocio presentase unha proposta de valor que favorecese o éxito, a fixación de poboación e a conxunción coa contorna.