En Abeluria estamos a participar no proxecto de innovación educativa “A Dimensión Financeira e de Gobernanza nas Entidades de Economía Social,” liderado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). Este proxecto baséase nun enfoque de Aprendizaxe-Servizo (ApS), unha metodoloxía docente na que o alumnado aplica os seus coñecementos académicos en contextos reais, contribuíndo de maneira activa ao desenvolvemento e análise das cooperativas participantes.
O proxecto busca resolver unha necesidade crecente de coñecemento sobre economía social entre o estudantado universitario, especialmente respecto ás cooperativas de traballo asociado, que xogan un papel fundamental no tecido social e económico de Galicia. Así, esta iniciativa introdúcelles ás cooperativas como modelos empresariais comprometidos non só coa obtención de beneficios, senón tamén cunha perspectiva ética e de impacto social.
Unha metodoloxía innovadora e dobre
A principal innovación deste proxecto reside na súa metodoloxía dual, que inclúe unha análise financeira e organizativa. Ao longo do curso, o alumnado da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC traballará en colaboración con cooperativas como Abeluria para realizar un diagnóstico profundo da nosa saúde financeira. Este proceso permítelles coñecer de primeira man os retos e oportunidades que se presentan no ámbito da economía social, á vez que contribúen de forma activa á mellora e desenvolvemento sostible das nosas entidades.
Unha experiencia enriquecedora
Para Abeluria, formar parte deste proxecto representa unha gran oportunidade. Non só achegamos ao estudantado unha visión práctica e real dos nosos procesos e desafíos, senón que tamén recibimos unha análise fresca e obxectiva sobre o noso estado económico-financeiro. Este informe final, elaborado baixo a supervisión do profesorado, permítenos identificar novas estratexias e melloras que reforzarán a nosa viabilidade e crecemento sostible a longo prazo.
Creación de espazos de divulgación
Esta colaboración fortalece o vínculo entre a USC e o tecido da economía social galega, consolidando unha relación que esperamos sexa duradeira e fructífera.
Agradecemos a oportunidade de colaborar con futuras xeracións de profesionais e de seguir promovendo un modelo empresarial que valora tanto a eficiencia económica como o impacto social positivo.