Non era sen tempo! Abeluria estrea web. Desde os inicios sabiamos que era necesario ter un espazo web propio que nos identificase e co cal nos sentísemos cómodas, un espazo que fose un reflexo do que é, o que fai e o que sente esta cooperativa. Este verán, por fin, empezamos o proceso e, pouco a pouco, a web foi tomando forma. Para levar a cabo este traballo apostamos por outra cooperativa, Triwus. Por que? Pois porque a súa forma de traballar e organizarse comparte os principios da economía social, tamén porque a súa proposta gustounos e porque cremos que hai que apostar polos proxectos do noso territorio e daqueles que forman parte da ES.
Con este cambio de web, e as novas imaxes que tomamos para acompañalo (traballazo de A Mueblería), queremos apuntalar a nosa presenza en rede e facilitar o coñecemento sobre o que é Abeluria, a xente que conforma este proxecto e o que podemos facer por entidades, asociacións, empresas, institucións, etc.