Álex, Cristina e Rebeca subiron ao escenario para recoller a escultura creada polo artista Acisclo Manzano para estes galardóns e que pesa bastante. Rebeca foi a encargada de falar en nome da cooperativa. Agradeceu ao Concello e a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela o convocar estes premios e mandou unha aperta a Ana, socia da cooperativa que non puido asistir ao evento.
"Este recoñecemento supón moitas cousas para nós. Sentímonos agradecidas e honradas, mais tamén motivadas e concienciadas para seguir traballando como o vimos facendo ata o momento, en galego, en Galicia, apoiándonos nos valores da economía social e nos principios do cooperativismo", explicou ao auditorio.